Xa vos temos recomendado moito material de Sun Ra neste blog, incluído este mesmo filme, pero estes días estivemos a revisalo, así que ahí vai de novo.
Sun Ra, filósofo, músico i extraterrestre. Un dos maiores xenios do planeta da música, e por suposto un dos máis excéntricos. Pioneiro na introducción de instrumentos electrónicos no jazz, todo se lle quedou pequeno, coa súa Sun Ra Arkestra superou os límites que ninguén se chegou a contemplar. Ataviado como herdeiro do deus Ra na terra levou o freejazz á súa dimensión espacial, i é que ata a súa morte, sempre dixo que viña de Saturno...
"Space is the place" foi o seu 12º álbum, seguramente o máis exitoso da súa extensa carreira. Publicado en 1973, cando contaba xa cunha recoñecida traxectoria, tanto coma músico de jazz e coma figura do espectáculo. En 1959 protagonizara xa o documental The Cry of Jazz, pero daquela era só un destacado jazzman, non un profeta de Saturno.
O filme xestouse na Universidade de Berkeley, na que Sun Ra coincidira co Jim Newman, que logo se convertiría en afamado productor televisivo e creador de arte audiovisual.
A gravación do álbum foi a escusa perfecta para dar renda solta á creatividade de Newman e Ra. O guión correu a cargo de Sun Ra e Joshua Smith, coa dirección de John Coney e baixo a produción de Newman.
Space is the Place estreouse en novembro do 74, e o resultado foi un filme tan complexo coma delirante, a medio camiño entre o blaxploitation da época e un thriller galáctico, sobre o que podedes atopar moitas crónicas e reseñas. Pero como bo cine experimental será mellor que o vexades primeiro e vos deixedes levar polo free jazz espacial de Sun Ra & His Arkestra e as escenas imposibles que recrean, e logo volvades a ler sobre as súas repercusións sociais (nas loitas raciais pola igualdade de dereitos) e incluso as múltiples interpretacións sociolóxicas e ata economicas que se teñen feito sobre o filme. Unha peza de culto dende o principio.
Aínda que Space is the Place está inspirada no álbum do mesmo nome, preparouse unha banda sonora específica, pero non se publicou como tal oficialmente ata 1993, trala morte de Sun Ra, co selo de Evidence Music, cos temas tal e como foran arranxados para o filme.
No 2015, pasado o 40 aniversario da súa estrea, lanzouse unha versión extendida do filme con moitos extras: Space is the Place Expanded Edition, coa cinta restaurada e incluíndo algunhas escenas eliminadas (sobre todo con prostitutas), ademáis dun libro de 125 páxinas con fotos da rodaxe e deseños, e entrevistas cos cineastas e músicos da Sun Ra Arkestra, ademais do cd coa banda sonora definitiva.
Aquí a tedes, unha xoia de visión obrigatoria:
No hay comentarios:
Publicar un comentario