Retomámo-lo vello costume de adicar os luns á nosa sección de Vs. Hoxe co popular tema 'In the Pines', tamén coñecido como 'Black Girl' e aínda máis como 'Where did you Sleep Last Night'. Trátase dunha canción popular, ou más ben anónima que foi mudando cos anos, segundo os historiadores a composición data de finais da década de 1870, situándoa no sur dos Apalaches (isto sería no norte dos estados de Georgia ou Alabama, ou cecais no sur das carolinas...). O nome tradicional da canción foi 'In the Pines' ou 'Black Girl' segundo quen a cantase, pero foi na década dos anos 30 cando un dos bluesman pioneiros, e sen dúbida o máis canalla de todos eles comeza a popularizala en outros ambientes, Huddie William Ledbetter, mundialmente coñecido coma Lead Belly, o xenio das 12 cordas, xa que aínda que cantaba moitas veces a pelo, en plan gospel acompañándose só coas palmas ou golpeando o chan cos zapatos, e outras moitas con acordeón, foi o primeiro gran mestre da guitarra de 12 cordas que ninguén conseguiu tocar coma el ata moitas décadas despois. Dende a década de 1910 comezou a adaptar moitas sonatas populares entre o seu repertorio, e entre elas 'In the Pines' que titulou abertamente e por primeira vez 'Where did you Sleep Last Night'. Sobre as súas grabacións hai moita ambigüidade, posto que apenas quedan orixinais, e as que chegaron ata os nosos días están gardadas na biblioteca do mesmísimo congreso dos USA como patrimonio nacional (nos 90 tóda-las súas grabacións serían publicadas en 6 volumes por Rounder Records). Sobre este tema tense coñecemento dunha grabación súa de finais dos anos 30, aínda que se sabe con certeza que a interpretaba moito antes, a grabación difundida habitualmente é de 1944, e sonaba así...
Sobre o da data é importante por que moitos fans do KKK néganse a que Lead Belly interpretara este tema antes que o malvado Bill Monroe, quen sí xa o grabara nun 7'' en 1941 (por suposto con título 'In the Pines' non fora ser que o altísimo se enfadase, podedes escoita-la versión de Monroe aquí, ainda que non sei por que un tema de 1941 ten a inserción desactivada). Tamén a interpretaron con moito éxito os seus pupilos (o igual que centos de bandas de bluegrass e country) The Louvin Brothers, que a incluíron no seu lp de 1956 "Tragic Songs of Life" (aínda que estos pasaron finalmente á historia polo seu álbum de 1959 "Satan is Real". Este era o seu 'In the Pines':
En clave bluegrass e country hai un número infinito de versións, coma esta dos Stanley Brothers, ou ata a mesmísima Dolly Parton tamén fixo 'In the Pines'. Xa vedes que sempre dende o sector folk máis reacionario social, relixiosa e políticamente. Apanas se coñecen covers deste tema popular en clave de blues purista retomando ó xenial Lead Belly, ou rhythm'n'blues, nin tan sequera baixo a fenómeno blaxxxploitation aproveitaron as posibilidades de 'Black Girl'. Na década dos 70 so tivo certa relevancia esta horterada dos New World Trio de 1972.
Terian que chegar os confusos tempos de transito entre os 80 e os 90, para que Mark Lanegan, no seu álbum de debut en solitario (iniciando carreira paralela dos aínda vivios Screaming Trees) de 1990 "The Winding Sheet" lle tentase devolver todo o esplendor e a carraxe que só Lead Belly conseguira, e por suposto volvendolle chamar 'Where did you sleep last night?':
Logo chegou o espabilado de Cobain para incluíla no MTV Unplugged de Nirvana, popularizala a nivel planetario e quedarse con tódo-los méritos para unha xeración de ignorantes desmemoriados orguiosos de selo, unha traxedia...
Finalmente Delaney Davidson, un dos últimos xenios desta década que rematou, xa cunha importante carreira en solitario tras pasar polos Alpine Cretins ou The Dead Brothers, incluíu unha versión de 'In the Pines' no seu último álbum do 2010, "Self Decapitation" no que se transforma nun crooner cabareteiro ó estilo Tom Waits para homenaxear a unha xeración de guitarristas malditos e artistas suplantados por falsos oportunistas, e ademáis devolvéndolle toda a súa solemnidade ó noso tema de hoxe:
1 comentario:
Nunca escoitara a versión de Screaming Trees, interesante...
Publicar un comentario